De jazz, fotos, festivais e partituras non convencionais…
Non sei se as normas de corrección blogueira permitirían un título tan longo. E tampouco sei se se pode “cociñar” un artigo minimamente comprensible con tantos ingredientes. Malia todo ímolo intentar.
O do jazz, en Lugo e por esta época resulta previsible. Así que como lectores avispados que vos considero xa imaxinariades que vén a conto para vos invitar a asistir ao XXI Festival de Jazz de Lugo, que se está a celebrar entre os días 12 e 19 deste mes. Nunha época como a actual pouco propensa a alegrías é moi de agradecer que se manteñan propostas musicais como esta que entre outros moitos artistas nos trae a Roy Haynes, unha auténtica lenda viva do jazz. Para saber máis sobre el e sobre tódolos que con el forman o cartel do Festival aí vos queda esta ligazón.
Din que un bo prato de comida ten que entrar primeiro polos ollos. Non sei se coa música pasa o mesmo pero si creo que un dos xéneros máis visuais, máis plásticos e que mellor se levan coa fotografía é precisamente o jazz. Así que se alguén precisa dun aperitivo visual que o anime a seguir a nosa primeira recomendación suxerimos a seguinte páxina, onde atopará fotos realmente fermosas. Se vos fixades ben case se pode escoitar a música que sae das fotografías.
E precisamente ollando algunha destas fotos atopei unha que me lembrou ao que hai poucos días falamos na clase de segundo da ESO: a posibilidade de representar a música dun xeito distinto ao tradicional: que tocariades vós se vos puxesen diante esta partitura?
Por se non estiven convincente vou dar un último motivo para acudir ao Festival: os que vaiades ao concerto do luns no Círculo (Marcos Pin Factor -E- Reset) poderedes ver tralo saxo a Toño, o profe que nos estivo a acompañar nalgunhas clases desta semana e a quen o propio programa menciona como “un dos nomes máis singulares do jazz galego actual”.
Bo proveito!
25/11/2011 ás 22:25
O XXI Festival de Jazz de Lugo foi increible. Ainda que solo puiden asistir a dous concertos, estes foron increibles, xa que nun actuou un dos mellores baterias de jazz do mundo, o famoso Roy Haynes. Este, con 86 anos de idade, tocou fabulosamente, e a parte diso, bailou claqué na metade do concerto, foi espectacular. Este tocou cos músicos Jaleel Shaw, Martin Bejerano e David Wong, formando o grupo ‘The Roy Haynes Fountain Of Youth’
O outro concerto foi do grupo ‘Dhafer Youssef Quarter’ que era un grupo de jazz árabe, moi bon dacordo co meu gusto. Neste grupo tocaron Dhafer Youssef, Kristjan Randalu, Chris Jennings e Stéphane Galland, que eran músicos de diferentes partes do mundo.
Para rematar, aconsello a toda a xente que nunca foi a os concertos destes festivais que para o ano que ven vaia a velos, porque é unha boa maneira de coñecer como é de verdade o jazz, de coñecer o interesante e extraordinario que é.
26/11/2011 ás 15:11
Moitas grazas Jorge polo teu comentario, a túa información, a túa recomendación e o teu entusiasmo.
E a seguir a disfrutar da música tan intensamente!!!