Flashmob clásico
A Wikipedia define o “flashmob” como unha acción organizada na que unha grande cantidade de persoas se reúne nun lugar público e realiza unha acción inusual para desaparecer inmediatamente despois.
O feito de ter recurrido á Wikipedia nesta ocasión non é casual: por unha banda destacamos así o recente deste fenómeno (o propio artigo data as orixes destas manifestacións no ano 2002). E por outra poñemos de manifesto o seu apoio nas novas tecnoloxías, xa que as canles de comunicación máis frecuentes para “organizar” este tipo de encontros son a Internet e a telefonía móbil.
Os flasmob resultan encontros moi chamativos, e por iso téñense usado con fins propagandísticos ou reivindicativos.
Hoxe invitámosvos a ver o que a Orquestra Filarmónica de Copenhage realizou na Estación Central da súa cidade.
A obra elixida, o célebre “Bolero” do compositor francés Maurice Ravel, resulta unha elección moi acertada. Esta obra xoga con dous elementos da música: o timbre e a intensidade. O xogo tímbrico consiste en repetir dúas sinxelas ideas musicais moitas veces, variando os instrumentos que a interpretan; o xogo de intensidades consiste nun progresivo e longuísimo crescendo, un gradual incremento de intensidade que leva dende o pianísimo inicial ao fortísimo final. E todo isto co insistente ritmo de bolero interpretado pola caixa (e outros instrumentos) de principio a fin.
Para conseguir os efectos descritos, os instrumentos vanse incorporando moi pouco a pouco, de xeito case individual; e isto é o que motiva a sorpresa dos espectadores que ven como ó intérprete da caixa e mais ao “colega” que lle vai marcando o ritmo se van unir sucesivamente unha frautista, uns violinistas, o fagote, os cellos, o clarinete… ata formar toda unha orquesta sinfónica que desaparece como por arte de maxia ao se extinguiren os ecos do acorde final.
Pareceume un vídeo en verdade fermoso, e un xeito máis de tratar de achegar a música clásica ao público. E por iso volo deixo aquí, xunto co agradecemento a Áurea Castro, a profe de Ciencias que malia a estar xa xubilada se acorda de nós e nos envía de cando en vez bonitos regalos coma este.
Symphony Flash Mob – Copenhagen Central Station
Grazas Áurea.
e a vos… que vos aproveite!!!