Vocerío

De voces diversas.

Esta sección está para acoller tódalas voces que ti creas paga a pena coñecer. O motivo? Pois pode ser calquera: porque son raras, estridentes de máis, cálidas ou doces, portentosas, insoportables… Nós tamén faremos as nosas suxerencias para así facer entre todos o noso vocerío. Podemos descubrir cousas novas e interesantes para escoitar…

1) Comezamos coa voz  de Alondra Bentley

Eu xeralmente me decanto polas voces graves e a poder ser de cor (timbre) negra e por esa razón de cando en vez me deixo levar encantada por voces de procedencias máis elevadas (en canto á altura, quero dicir ) e se camiñan polos vieiros do folk mellor que mellor. A estes lares pertence tamén a fermosa voz que protagoniza Russian Red pero para coñecer algo diferente propóñovos á rapaza da foto, Alondra Bentley.

De nai inglesa e pai español, esta cantautora do panorama indie comezou a tocar en público ó 18 anos co seu grupo do instituto; a súa música ten clara influencia do folk británico (máis cara Joni Mitchell ou o poético Nick Drake, outro dos meus favoritos) e por iso a súa voz, aguda e tenra á vez, pode atraer a públicos distintos. Invítovos a escoitala e disfrutala no seu myspace e se queredes facelo na maxia dun concerto en directo e mesmo descargalo premede aquí (“Sunglasses”, “Dot Dot Dot”, “Sugarman”… deliciosas). De momento disfrutádea con este aperitivo, “I feel alive”.

2) E onte abrimos esta sección con grande ledicia polo que supón o inicio de algo novo sen embargo hoxe o sentimento é un pouco máis triste. Buscando nos programas de Radio 3 algo que escoitar decidinme por un de Músicas Posibles do día 9 de xaneiro no que se rescataba un concerto de Lhasa de Sela do 2004; a razón de volver emitir dito concerto foi o seu recente falecemento a consecuencia dun cancro de mama contra o que levaba loitando xa un tempo. Tiña 37 anos.

Sen dúbida a voz tremenda desta muller (cun aspecto que non nos encaixaría a primeira vista co de alguén dono de tal instrumento) merece un oco neste espazo: grave, profunda, melancólica, terriblemente expresiva… a súa música recibe influencias mexicanas por parte de pai e norteamericanas por parte de nai cun resultado elegantemente sobrio pero cargado de sentimento. Tan só tiña tres discos gravados pero os tres moi interesantes e diferentes, podedes saber máis aquí, na súa páxina web.

Sempre nos quedará a súa voz… que espero vos guste.

3) E esta é unha interesante e curiosa aportación de Miguel, Alessandro Moreschi ¡Graciñas, compi, sempre é un pracer atender as túas suxerencias!

“Gran idea a desta sección de tan fermoso título.
Realmente a voz humana é un instrumento único, de enorme riqueza e capaz de infinitos matices expresivos.
Para min resulta fascinante (e obviamente arrepiante) que durante moito tempo un suposto fin estético ou artístico xustificase a castración de milleiros de rapaces. Castrados de nenos para acadar un determinado ideal de voz humana. Como dicía o título dunha recente exposición “castrados por amor al arte”…
Abraia tamén pensar que este fenómeno “doutra época” chegara a se atopar cos modernos medios de gravación do son.
O fragmento que vos propoño non está aquí pola súa beleza senón polo seu valor histórico: trátase dunha gravación do ano 1902 no que canta Alessandro Moreschi, presumiblemente o derradeiro castrato. A calidade da gravación é moi deficiente, e por outra banda Moreschi non tiña a calidade artística de Farinelli ou Senesino… Pero insisto no valor histórico e simbólico do documento, que creo que ten cabida neste “vocerío”.”

4) As voces rotas son especiais. Esta opinión dende logo é subxectiva pero penso que algo de verdade obxectiva pode ter. Por qué? Pois porque o que en teoría é a negación do timbre perfecto nunha voz humana sen embargo ás veces leva unha carga de sentimento ou sensibilidade moito maior que outras máis limpas ou aquelas que entendemos por voces “bonitas”.

Como exemplo de voces roncas ou rasgadas temos moitos seguro na nosa orella, non? (Bonnie Tyler, Janis Joplin, Bruce Springsteen, Joaquín Sabina, Rosendo… quizais sexan dos máis coñecidos para vós). Este tipo de timbre é propio de estilos coma o rock ou o blues, músicas onde prima máis o texto e o que este quere transmitir que a calidade técnica e vocal do intérprete.

Precisamente a voz feminina ronca e “sucia” de Janis Joplin represente quizais (xunto con Billie Holiday) unha das voces con maior carga emotiva, con maior capacidade de expresión, con maior detallismo sentimental da historia da música popular moderna. Unha triste e curta historia foi a vida desta muller de corpo menudo pero voz INMENSA. Escoita cómo interpreta a letra deste marabilloso tema, “Maybe”, impresionantemente real e convincente.

E como exemplo masculino, o gran dandy Willy DeVille. Músico e escritor, desaparecido no 2009, que comeza a súa carreira musical máis recoñecida a partires do 1975 para atravesar etapas de diferente éxito e recuperar o seu prestixio na derradeira. Pasando polo blues ou o cabaret francés, foi un músico dunha elegancia particular e dono dunha voz inolvidable que hai que reivindicar.

Déixovos dous videos: o primeiro dunha gravación (xa un pouco vella… pero non por iso de menor calidade) dunha entrevista e actuación nun programa do famoso presentador Gran Wyoming do ano 1993 (xa choveu!), interpretando o super coñecido “Stand by Me”, ademais co seu curioso estilismo dos anos 90. E o segundo, un tema e imaxe moito máis recente pero para poder velo deberedes acudir ó enlace que atoparedes ó clicar sobre o título da canción, “Across the borderline”.

 

5) O “yodeling” é unha forma de canto característica de diferentes culturas do mundo, se cadra tedes máis claro o exemplo desta técnica vocal na música tradicional dos Alpes (dígoo pola famosísima canción de Heidi, se mo permitides como exemplo) pero tamén se pode atopar en zonas e culturas de África coma a dos pigmeos ou tamén na tradición de Georgia. Pero o yodeling tamén é típico dos recursos vocais da música country e o bluegrass, do que veremos un bo exemplo un pouco máis adiante.

Qué é o yodeling? Consiste en cambios moi rápidos (e cando digo “moi rápidos” quero dicir moi moi rápidos) no tono e no rexistro vocal, é dicir, pasos bruscos de graves a agudos dando lugar a un son tremendamente peculiar e ata divertido. A estas velocidades non se chegan a cantar palabras ou un texto concreto senón que basicamente se entonan onomatopeias das que precisamente xurde o nome do estilo vocal, do tipo “hodaro”, “holadaitjo”, “hodele/yodele”…

Non fai moito tempo un amigo descubriume esta capacidade “yodelística” na docísima cantante Jewel. Non fai falla que diga nada máis, só escoitade e alucinade!

Advertisements

Unha resposta to “Vocerío”

  1. Miguel Says:

    Gran idea a desta sección de tan fermoso título.
    Realmente a voz humana é un instrumento único, de enorme riqueza e capaz de infinitos matices expresivos.
    Para min resulta fascinante (e obviamente arrepiante) que durante moito tempo un suposto fin estético ou artístico xustificase a castración de milleiros de rapaces. Castrados de nenos para acadar un determinado ideal de voz humana. Como dicía o título dunha recente exposición “castrados por amor al arte”…
    Abraia tamén pensar que este fenómeno “doutra época” chegara a se atopar cos modernos medios de gravación do son.
    O fragmento que vos propoño non está aquí pola súa beleza senón polo seu valor histórico: trátase dunha gravación do ano 1902 no que canta Alessandro Moreschi, presumiblemente o derradeiro castrato. A calidade da gravación é moi deficiente, e por outra banda Moreschi non tiña a calidade artística de Farinelli ou Senesino… Pero insisto no valor histórico e simbólico do documento, que creo que ten cabida neste “vocerío”.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: