s.XVIII (2ªm.),clasicismo

¿CUARCERTO? ¿SINFONATA? ¿CONFONÍA?…

Vaia lío non? Vemos que ás veces non vos resulta doado identificar e distinguir os diferentes xéneros de música instrumental. E sen embargo non parece demasiado complexo…

Imos facer noso aquel dito de que unha imaxe vale máis que mil palabras. Os seguintes vídeos recollen anacos de sonata, concerto, cuarteto e sinfonía. Lembrade que estes catro xéneros musicais teñen cousas en común (son instrumentais; teñen varias partes ou movementos; teñen un esquema común no primeiro movemento, chamado “forma sonata”). E unha diferencia sustancial: quen interpreta cada un deles. Ogallá estes vídeos vos sexan de axuda.

SONATA

A sonata ten como destinatario un só instrumento (que adoita ser o piano) ou ben dous: neste caso o piano actuaría como “acompañante” doutro instrumento (violín, frauta…).

Como exemplo de sonata para piano propóñovos o 1º movemento da Sonata en Do Maior, K. 330 de Mozart. Fixádevos que no escenario non hai máis que un piano… e un pianista; neste caso un dos máis lexendarios do século XX: Vladimir Horowitz. Tiña 83 anos cando tocou o que ides escoitar; pero os seus dedos parecen non sabelo.

O outro exemplo é o terceiro movemento da Sonata para violín e piano en Fa Maior Op.24 de Beethoven. Aquí o piano comparte protagonismo co violín, interpretado nesta ocasión por outra auténtica estrela: Anne Sophie Mutter.

CUARTETO

Cando falamos de cuarteto podemos estar a referirnos a dúas cousas: ou ben a unha agrupación, ou ben a un xénero musical. Ademáis no primeiro caso o termo cuarteto é bastante impreciso, porque calquera grupo de catro (voces, instrumentos, gatos, mosqueteiros…) podería responder a esa denominación. Vede senón o exemplo que tedes de seguido: non é un cuarteto clásico; tampouco é música do Clasicismo. ¡Pero pode vir ben para tomar un respiro, que creo que me estou a enredar de máis.

Bonito, non si? Pois ben, como dicía calquera agrupación de catro é un cuarteto; pero unha formación instrumental triunfou sobre o resto, e a ela nos referimos cando falamos de cuarteto sen máis: é a formada por dous violíns, viola e violoncelo. E cuarteto é tamén a composición (en catro movementos, forma sonata no primeiro deles…) escrita para dita agrupación.  Escoitaremos como exemplo o 2º movemento (Vivace) do Cuarteto op. 135 de Beethoven, interpretado polo Hagen Quartet.

SINFONÍA

Se as formas anteriores pertencían ao campo da música de cámara (para pequenas agrupacións), coa sinfonía entramos no ámbito da música orquestral. A interpretación dunha sinfonía corresponde á orquestra sinfónica, a agrupación máis completa da música occidental, integrada por instrumentos de vento madeira e metal, corda e percusión.

No seguinte vídeo poderás ver á Orquesta Sinfónica de Galicia interpretando a Sinfonía nº 49, en fa menor, de F. J. Haydn, e en concreto o seu cuarto (e derradeiro) movemento. Fíxate na composición da orquestra nesta ocasión: no predominio da corda, e na presenza tan só dun fagot, dúas trompas e dous oboes como representantes dos ventos.

CONCERTO

Chegamos ao final do noso repaso co concerto, un xénero no que a orquestra dialoga con un instrumento solista, que é o verdadeiro protagonista da interpretación. Observa no terceiro movemento do Concerto para clarinete e orquesta de Mozart como se produce este diálogo ou alternancia entre solista e orquestra. Por certo, a orquestra é a da RAI (radio e televisión italiana) coa solista Sabine Meyer.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: