Músicas do mundo

MÚSICA ÁRABE

A música árabe ten unha sonoridade realmente engaiolante e moita boa culpa disto son os instrumentos tradicionais árabes e o xeito de tocalos.

No vídeo que a continuación vos presentamos podedes escoitar un trío exipcio composto polos reis da percusión árabe, o bendir e a darbuka, xunto coa súa frauta máis característica, o ney. Prestade moita atención a esa base grave e profunda que fai o bendir durante as partes máis rápidas pois está reproducindo claramente o patrón rítmico coñecido como “maqsum” sobre o que improvisa ritmicamente a darbuka e melodicamente o ney (e ben seguro que seredes incapaces de non movervos baixo o poder deste ritmo oriental!).

 

MÚSICA SUBSAHARIANA

Neste apartado ides ver exemplos do xilófono africano (o balafón), do piano de man africano (a sanza) e da “guitarra” africana (a kora).

Comezamos polo balafón, da familia dos idiófonos. É unha delicia escoitar o son da madeira neste instrumento melódico, que é interpretado en moitas zonas de África. As cabazas debaixo de cada placa de madeira fan de resoadores ou amplificadores. É empregado en moitas celebracións, entre elas, nos funerais! Este vídeo é interesante pola escea que amosa, o mestre de balafón ensinando os nomes das placas e cómo son empregadas na música a outro que está ó seu carón, mentras uns nenos observan a escea e un can se cruza por alí.

Continuamos coa kora, o instrumento de corda por excelencia. Con el pódense facer ata tres liñas melódicas: baixo, acompañamento e melodía, moitas veces improvisada. Deste cordófono africano é un intérprete excepcional un home chamado Toumani Diabaté, músico de Mali recoñecido internacionalmente e do que vos deixamos unha mostra da súa música.

E rematamos cun instrumento moi peculiar, a sanza, un pequeno instrumento tamén de percusión e tamén idiófono. Consiste nunha caixa de resonancia feita cunha cabaza ou cunha pequena caixa de madeira sobre a que se colocan unhas peciñas de metal de diferentes lonxitudes que son pulsadas, producindo un son pequeno en volume que fai que este instrumento sexa empregado para cantos individuais e máis íntimos. No caso deste vídeo amosámosvos outra faceta interesantísima da sanza, para que vexades que non hai fronteiras nin para un instrumento do seu tamaño.

Suxestión interesantísima: na seguinte páxina podedes atopar toda a información teórica (e moita máis) sobre este tema, xunto con audicións e fotografías, clica aquí!

 

 

MÚSICA CHINA

 

O prometido é cumprido con esta entrada onde poderedes ver (e sobre todo ESCOITAR) os instrumentos musicais chinos dos que estivemos a falar en clase.

 A intérprete dos dous primeiros é Liu Fang, unha grande virtuosa da pipa e mais do guzheng. Impresionantes ámbolos dous solos…

E por último o erhu, presentado por Guo Gan, músico chino que partícipou na cerimonia de apertura dos xogos olímpicos de Pekín 2008. Fixádevos, parece incrible que un instrumento aparentemente tan sinxelo teña tantas posibilidades expresivas.

 

 MÚSICA en OCEANÍA

A música de Australia e Indonesia serán as que deberás coñecer un pouquiño xunto cos instrumentos máis representativos.

Agora  podedes ver algún vídeo que se corresponde con estas culturas musicais tan interesantes pero se queredes ver máis buceade en internet que paga a pena seguir investigando.

Este primeiro vídeo correspóndense coa orquestra de gamelán balinés, curiosísima formación instrumental na que destacan frautas, tambores, gongs e os metalófonos. En canto a estes últimos, fixádevos na técnica de apagado das placas que impide que o son se mesture e ensucie, e vólvese vertixinoso cando a peza interpretada é moitísimo máis rápida!

A continuación, o son do didgeridoo australiano onde os aboríxenes empregan a respiración circular para tocar o instrumento, unha técnica que implica tomar aire ó mesmo tempo que este é expulsado para facer soar este instrumento de vento. Ah, e atención! Cando vos salte a publicidade na parte inferior do vídeo simplemente clicade no X (que aí mesmo aparece) para pechala!

 E por último un vídeo onde podedes ver cómo os aboríxenes fabrican un didgeridoo a partir de polas do eucalipto que van probando ata que dan co son óptimo. Uns luthieres moi interesantes!

 

 

MÚSICA ANDINA

E agora unha mostra desta música resultado da mestura indíxena, africana e europea en latinoamérica e que podemos atopar arredor da Cordillera dos Andes. Música especialmente melódica onde a frauta de pan e a quena teñen gran importancia. No vídeo tamén podes ver cómo empregan un pao de chuvia.

 

 

MÚSICA ROMANÍ

Como sabes, unha característica da música romaní é a de ser o resultado da fusión de diferentes culturas musicais, aquelas coas que os xitanos estiveron en contacto no seu longo transitar a través do mundo. Hoxe en día a propia música romaní serve á súa vez como “ingrediente” para novas fusións. Velaí o exemplo da “No Smoking Orchestra“, liderada por Emir Kusturica e Nelle Karajilic, que nos ofrece unha música na que se mistura o jazz, a música xitana, o folclore oriental e os ritmos asiáticos. Todo isto para acompañar a unha secuencia de imaxes delirante, no que podería ser unha versión moderna do “camarote dos irmáns Marx”. ¡Non ten desperdicio!

 

O CALIPSO

Saibamos algo máis sobre os Steel-drums ou “pans”, o instrumento máis característico deste tipo de música,  son un curioso exemplo dun instrumento popular de orixe relativamente recente. Ó tempo son unha boa mostra de como  o ser humano fabrica instrumentos musicais a partir de obxectos cotiás, pensados para outra utilidade: son os chamados “cotidiáfonos”. (Cotidiáfonos foron no seu momento instrumentos que despois se profesionalizaron; e así tódolos instrumentos de corda actuais derivan presumiblemente do arco de caza, un obxecto “non musical” no que alguén soubo ver hai moito tempo unha función musical). Os steel-drums fanse a partires de bidóns de petróleo ou gasolina.

No seguinte vídeo poderedes ver a fabricación dun destes instrumentos. Trátase dun proceso longo, que pasa polas seguintes fases:
Na primeira hai que golpear a base do bidón cun martelo pesado, ata lle dar forma cóncava. É un traballo pesado, cansado… e ruidoso.
De seguido débese templar o aceiro, colocándoo no lume e enfriándoo despois rapidamente con auga.
O seguinte paso é definir as notas: con plantillas (fixádevos nos nomes das notas, escritos en inglés) debúxase o espazo para cada nota, que logo hai que esculpir con martelo e cicel, formando unha burbulla convexa sobre a superficie cóncava.
Chegados a este punto, córtase o lateral do barril á lonxitude axeitada (dependerá da tesitura do instrumento), e afínase convenientemente cada nota coa axuda dun afinador; (¡efectivamente, hoxe hainos máis pequeniños e modernos que o que se ve no vídeo!).
A última fase atende á cuestión estética: o instrumento pódese cromar ou pintar de diferentes colores.

E no seguinte vídeo podedes ver este instrumento en acción. O que soa non é un calipso, o cal é unha boa mostra de como o instrumento se consolida e ten cabida noutros xéneros musicais diferentes de aquel no que naceu. Paga a pena ver o vídeo completo, pero para os máis impacientes o solo de steel-drum está chegando ao minuto cinco.

(Se non consigues velo dende aquí, proba na seguinte ligazón).

Unha resposta to “Músicas do mundo”

  1. carmen López Says:

    Me encantan estos vídeos 🙂

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: