Foi noticia… (I)

Ás veces nos medios de comunicación aparecen noticias que teñen que ver coa música, e que poden servir para reflexións interesantes.
A que vos vou contar hoxe pode parecer xa un clásico: “Érase que se era unha fabulosa estrela do mundo da música que, o día anterior a unha importante actuación cae enfermo; é preciso buscar a toda présa alguén que o substitúa; ese alguén resulta ser unha persoa nova e absolutamente descoñecida que acada un éxito formidable no seu debut, e comeza deste xeito unha carreira fulgurante que o leva dereito ao estrelato”.
Verdade que non se trata dunha historia moi orixinal? Por contra é un caso relativamente frecuente, sobre todo no campo da ópera.
Pois ben, a comenzos deste mes de maio, a historia volveuse repetir, neste caso na emblemática Sala Pleyel de París. Os protagonistas foron Nelson Freire, o reputadísimo pianista brasileiro, no papel de “o substituido”; e Jorge Luis Prats, pianista cubano descoñecido pola maioría ata o momento, no rol de “o substituto”. O resultado foi o esperado: un éxito arrollador, aplausos e bravos ampliamente prolongados e críticas asombradas e rendidamente eloxiosas. Sen embargo a figura do substituto ten neste caso algunhas peculiaridades interesantes:
Jorge Luis Prats non é precisamente un rapaz. O “descubrimento” nesta ocasión chegoulle aos 54 anos.
A súa traxectoria musical xa era longa e, se ben non era unha figura “estelar”, sí podía presumir xa dunha carreira na que figuran premios de certo prestixio e mesmo gravacións para EMI e Deutsche Grammophon.
Malia ao anterior nos últimos anos dedicábase a interpretar concertos en circuítos “de provincias”, ou a dar clase de música a nenos en lugares como Lalín.
Ata aquí a noticia. E a reflexión da que falaba ao principio? Velaí un par de ideas:
O propio xornal no que lin a nova (“El Mundo”, xoves 6 de maio de 2010, páx 51) contrapón a figura de Jorge Luis Prats coa do pianista de moda no momento, o chinés Lang Lang. O seu talento e cualidades artísticas están fóra de toda dúbida. Pero o nivel de coñecemento público dun e do outro é obviamente incomparable. A razón desta diferencia é puramente artística ou técnica? Canto inflúe na fama a imaxe física, o marketing, o “envoltorio” publicitario que rodea a un determinado artista?
“Cantas veces o xenio así durme, agochado no fondo da alma…”? que diría o poeta. Recoñecerían os que escoitaban a este pianista cubano nos seus concertos por Córdoba, Ourense, Baeza… ou os seus propios alumnos en Lalín, o xenio que agora semella terse destapado? Estamos preparados a maioría de nós para descubrir o xenio cando pasa ao noso carón, ou necesitamos que un crítico, ou unha revista especializada ou a publicidade nos axuden a distinguir o excepcional do cotiá?
Hai poucos anos realizouse un experimento interesante neste sentido, pero xa o comentaremos en outra ocasión. Por hoxe xa foi abondo. Agardo que vos resultase interesante. Ata outra!

Unha resposta to “Foi noticia… (I)”

  1. Belén Says:

    Dende logo moi interesante e brillante a túa reflexión, un pracer lerte compañeiro.
    Graciñas por este fermoso artigo!

Deixar un comentario