Archive for the por aí adiante Category

Soños dende Suecia.

Posted in - As nosas actividades, por aí adiante on 02/11/2012 by musog

A entrada de onte adicámoslla ós nosos alumnos que veñen de fóra e esta adicámoslla ós nosos alumnos que están fóra.

Susana, Samuel, Alba, Alicia, Daniel e Alberte son os participantes no Proxecto Comenius que o noso centro comparte con Suecia. A estadía é de tres meses e polo que podo saber deles estana disfrutando máis que a tope, completamente integrados na vida, nas familias… no momento que están a vivir tan especial e de seguro inesquecible. Realmente sinto envexa porque eu non tiven unha oportunidade semellante e ó mellor nin ese valor á súa idade. O que sei deles é polos seus blogues nos que relatan as súas aventuras, o seu día a día e especialmente os seus sentimentos (e do máis profundos), isto último ás veces algo moi difícil de conseguir mais eles consígueno poñendo moita paixón no que describen porque iso é o que sinten mentras viven a súa propia vida alí, ademais precisamente aproveitando o mellor da vida. Felicidades rapaces!

Nas súas últimas entradas suxírennos un montón de música, suxestións que creo nacen das sensacións que esa ocasión lles provoca. Por iso son recomendacións moi especiais, sen dúbida. Así que anímovos a que as escoitedes e de paso leades os seus textos marabillosos premendo no nome de cada un deles: Susana, Samuel, Alba, Alicia e Daniel.

Unha aperta dende Lugo.

Advertisements

De novo Da Vinci

Posted in - As nosas actividades, - Música en Lugo, por aí adiante on 21/01/2011 by musog

Hai xa un par de meses que recomendabamos dende este mesmo espazo a visita á exposición de instrumentos musicais deseñados por Leonardo, unha mostra en verdade excepcional coa que o Centrad celebraba o seu 15º aniversario.
E como aquí predicamos co exemplo nós fomos visitala acompañados polo noso alumnado de 2º da ESO.
A visita permitiunos descubrir ou lembrar cousas ben interesantes: a peculiar forma de escribir de Leonardo da Vinci; o seu interese pola música (e en particular por modificar as posibilidades dos instrumentos musicais); a presunta partitura agochada na estrana colocación das mans dos apóstolos da súa “Última cea”; ou o seu gusto por agochar mensaxes en curiosos xeroglíficos nos que ás veces empregaba símbolos musicais, entre moitas outras cousas…
Tamén nos permitiu valorar o extraordinario traballo dos luthiers que foron quen de crear instrumentos reais a partires de bosquexos en ocasións moi pouco desenvolvidos. (E non está de mais lembrar de novo que un destes artistas foi o lucense Luciano Pérez, artesán do Centrad encargado de realizar seis dos instrumentos da exposición).
Completamos a xornada visitando a tamén moi recomendable Exposición Permanente de Instrumentos.
E como a experiencia foi do noso agrado, non nos queda máis que recomendala de novo. A Exposición Permanente é… permanente! Pero a exposición “Leonardo da Vinci e a Música” remata a finais deste mes de xaneiro, así que bulide!!!

Nova visita a STS

Posted in - As nosas actividades, - Entradas antigas, por aí adiante on 14/05/2010 by musog

O pasado 5 de maio acudimos co alumnado de 4º de ESO ao estudo de gravación STS. O obxectivo da visita era coñecer de xeito práctico as posibilidades que lle ofrece a un músico un estudo de gravación. E por segundo ano consecutivo fomos acollidos con excepcional amabilidade e recibimos unha interesante charla por parte do responsable do estudo, Abel.
Mágoa de cámara de fotos, que esta vez se nos esqueceu! No seu lugar, unha foto “virtual”: tratade de imaxinar a ducia e media de
alumn@s e aos seus profesores sentados polo chan e atentos ás evolucións de Abel no momento de crear música orquestral ou coral servíndose tan só dun teclado (non sei moi ben que pensar disto dos instrumentos virtuais!); ou ben ensaiando coas posibilidades de transformación do fragmento de canción “a capella” que, nun alarde de valentía, se atreveu a interpretar Igor.
Unha vez máis gracias a Abel e Gema, os responsables de STS (aquí vos deixo unha
ligazón), por se brindar tan xenerosamente a acollernos e darnos toda clase de explicacións sobre o seu traballo. E ata outra ocasión…!

VIAXE A MADRID, “SPAMALOT”

Posted in - As nosas actividades, - Entradas antigas, por aí adiante on 08/02/2010 by musog

O 11 de febreiro viaxamos a Madrid para asistir ó musical “Spamalot”, baseado na película Os cabaleiros da táboa cadrada dos Monty Python, cómicos delirantes autores da tan coñecida A vida de Brian.

Esta viaxe cultural completámola coa visita ó Museo de Instrumentos Musicais da fundación Luis Delgado en Urueña, parada que fixemos na metade do noso camiño.

Aquí podedes ver a páxina web do musical e obter máis información.

E no seguinte vídeo podedes ver un corte da película “Os Cabaleiros da Táboa Cadrada” na que se basea o musical e no que discuten o rei Arturo cun campesiño anarquista; qué clase de curioso cabalo é no que vai montado o rei Arturo?