Archive for the – Entradas antigas Category

Concerto de 1º de Bac.

Posted in - As nosas actividades, - Entradas antigas, no noso centro on 14/06/2010 by musog

Despois do concerto do coro tócalles ó turno ás rapazas e rapaces de 1º de Bacharelato, que este venres 18 durante o recreo farán unha pequena mostra dalgúns traballos feitos ó longo do curso na asignatura de Música.

Agradecemos a vosa asistencia, ó mellor conseguimos sorprendervos, 🙂

Comezan os concertos de fin de curso!

Posted in - As nosas actividades, - Entradas antigas, no noso centro on 06/06/2010 by musog

Boas novas, achégase o fin de curso e con el os nosos concertos de despedida.

¿Cal vai ser o primeiro concerto? O do Coro de Alumn@s Ollos Grandes

¿Cando terá lugar? Este xoves día 10 durante o recreo.

¿Onde? No noso salón de actos.

Animámosvos a acudir pois o noso repertorio é variado, interesante, divertido… e non só teremos actuación do coro senón tamén de algunhas valentes solistas que vos sorprenderán. Así que está claro que sería unha mágoa que volo perderades, será o resumo do noso traballo e ensaios ó longo de tódalas tardes dos xoves cuns cantores e cantoras moi especiais que fixeron que sempre fose un pracer traballar con eles.

E seguide atentos ó noso blogue xa que iremos publicando información sobre máis concertos.

Concertos no Conservatorio

Posted in - Entradas antigas, - Música en Lugo on 04/06/2010 by musog

Confeso escribir esta entrada nun estado de euforia mental . Hai distintos xeitos de acadar estes estados alterados de conciencia (a maioría deles non lícitos nen aconsellables). Pero tamén se pode chegar a eles a través da música. E a min pasoume onte, logo de asistir no Conservatorio ao concerto dos alumnos de último curso de grao profesional da especialidade de percusión.
Foi un concerto longo, moi vistoso pola cantidade de instrumentos empregados, cheo de paixón e moi ben interpretado. Mesmo pagaría a pena só velo, sen escoitalo, pola expresividade das caras e do corpo enteiro dos músicos durante a interpretación. Lamentablemente non cheguei á primeira parte, na que tiña un interese especial xa que a protagonista era Sabela, unha ex alumna do noso Centro. Mais estou seguro de que o fixo tan ben como os seus dous compañeiros aos que sí tiven o pracer de escoitar.
E o caso é que concertos coma este estanse a repetir tódolos días desta semana e da vindeira no Conservatorio. Eu, que paso bastante tempo por alí este ano, tiven a ocasión de asistir a varios deles. E coido que é unha experiencia magnífica a de ver a estas rapazas e rapaces novos,  loitando en moitos casos cos nervios de se subir a un escenario para amosar a música que levan dentro. E facéndoo francamente ben.
Se tedes ocasión suxírovos que asistades a algún destes concertos. Daredes algo de variedade ao público habitual, formado por familiares cercanos, profesores e compañeiros de fatigas dos intérpretes. E posiblemente escoitedes a algún dos vosos compañeiros ou ex compañeiros do instituto e vos sorprendades co que son capaces de facer.
Parabéns a todos eles e aos seus profesores.
E xa de paso déixovos unha ligazón á páxina do
Conservatorio e ao blogue da súa Biblioteca, absolutamente recomendable.

Premios da Música Independente, VOTA!

Posted in - De todo un pouco, - Entradas antigas on 30/05/2010 by musog

Proximamente terá lugar a gala de entrega dos Premios da Música Independente organizados pola Unión Fonográfica Independente  e ti podes decidir co teu voto cal é a mellor das 33 propostas plantexadas entre as que se atopan grupos coma Delorean, Igloo, The Sunday Drivers … ou solistas coma Alondra Bentley (á que podedes escoitar no noso “Vocerío”), Cooper ou o mítico Patxi Andión, por nomear a algúns deles.
E ¿qué é a música independente ou “indie”? Pois qué mellor ocasión para explicárvolo.

O termo “indie” vén do inglés “independent” e refírese a calquer manifestación cultural de carácter autónomo (é dicir, van por libre, non están atadas a nada nin a ninguén, neste caso ós dictámenes das discográficas) e que responde ó lema “do it yourself” (ou “faino ti mesmo”).

O “faino ti mesmo” xurdíu coma un movemento contracultural aplicable a calquer actividade cotiá e por suposto a música non foi allea a esta filosofía antisistema. E coa chegada da tecnoloxía de Internet este xeito de facelas cousas atopou unha axuda inestimable, permite a moitos artistas introducir a súa música a unha enorme audiencia potencial a un baixo custo sen estar necesariamente relacionados cunha discográfica, dese xeito producen e fan circular a súa obra mediante, por exemplo, plataformas coma “MySpace” ou as licencias “Creative Commons” (sobre as que podes ver este interesante vídeo ilustrativo).

Radio 3 é unha emisora que apoia coma ningunha este tipo de música e en calquera das súas manifestacións por iso forma parte importante desta entrega de premios organizando a votación (aquí) que levará á selección do gañador do “Premio Especial do Público”. Pensamos que é unha boa ocasión para achegarte a este mundo musical infinito e non comercial, un mundo de melodías e sonoridades por descubrir e que se mantén por completo á marxe do sistema de marketing agresivo e capitalista que incesantemente nos queren facer consumir. Así que aproveita, INDEPENDÍZATE!

Foi noticia… (I)

Posted in - De todo un pouco, - Entradas antigas on 25/05/2010 by musog

Ás veces nos medios de comunicación aparecen noticias que teñen que ver coa música, e que poden servir para reflexións interesantes.
A que vos vou contar hoxe pode parecer xa un clásico: “Érase que se era unha fabulosa estrela do mundo da música que, o día anterior a unha importante actuación cae enfermo; é preciso buscar a toda présa alguén que o substitúa; ese alguén resulta ser unha persoa nova e absolutamente descoñecida que acada un éxito formidable no seu debut, e comeza deste xeito unha carreira fulgurante que o leva dereito ao estrelato”.
Verdade que non se trata dunha historia moi orixinal? Por contra é un caso relativamente frecuente, sobre todo no campo da ópera.
Pois ben, a comenzos deste mes de maio, a historia volveuse repetir, neste caso na emblemática Sala Pleyel de París. Os protagonistas foron Nelson Freire, o reputadísimo pianista brasileiro, no papel de “o substituido”; e Jorge Luis Prats, pianista cubano descoñecido pola maioría ata o momento, no rol de “o substituto”. O resultado foi o esperado: un éxito arrollador, aplausos e bravos ampliamente prolongados e críticas asombradas e rendidamente eloxiosas. Sen embargo a figura do substituto ten neste caso algunhas peculiaridades interesantes:
Jorge Luis Prats non é precisamente un rapaz. O “descubrimento” nesta ocasión chegoulle aos 54 anos.
A súa traxectoria musical xa era longa e, se ben non era unha figura “estelar”, sí podía presumir xa dunha carreira na que figuran premios de certo prestixio e mesmo gravacións para EMI e Deutsche Grammophon.
Malia ao anterior nos últimos anos dedicábase a interpretar concertos en circuítos “de provincias”, ou a dar clase de música a nenos en lugares como Lalín.
Ata aquí a noticia. E a reflexión da que falaba ao principio? Velaí un par de ideas:
O propio xornal no que lin a nova (“El Mundo”, xoves 6 de maio de 2010, páx 51) contrapón a figura de Jorge Luis Prats coa do pianista de moda no momento, o chinés Lang Lang. O seu talento e cualidades artísticas están fóra de toda dúbida. Pero o nivel de coñecemento público dun e do outro é obviamente incomparable. A razón desta diferencia é puramente artística ou técnica? Canto inflúe na fama a imaxe física, o marketing, o “envoltorio” publicitario que rodea a un determinado artista?
“Cantas veces o xenio así durme, agochado no fondo da alma…”? que diría o poeta. Recoñecerían os que escoitaban a este pianista cubano nos seus concertos por Córdoba, Ourense, Baeza… ou os seus propios alumnos en Lalín, o xenio que agora semella terse destapado? Estamos preparados a maioría de nós para descubrir o xenio cando pasa ao noso carón, ou necesitamos que un crítico, ou unha revista especializada ou a publicidade nos axuden a distinguir o excepcional do cotiá?
Hai poucos anos realizouse un experimento interesante neste sentido, pero xa o comentaremos en outra ocasión. Por hoxe xa foi abondo. Agardo que vos resultase interesante. Ata outra!

Este venres, concurso musical!

Posted in - Aquí quen toca?, - As nosas actividades, - Entradas antigas, no noso centro on 18/05/2010 by musog

Xa vos anunciamos fará dúas semanas máis ou menos que proximamente tería lugar no noso centro un concurso musical organizado polo Departamento de Normalización Lingüística, a ANPA e mais o Departamento de Música.

Todo xurdiu como parte da celebración do Día das Letras Galegas (adicadas este ano a Uxío Novoneyra) polo que o requisito fundamental para se poder presentar a este concurso era interpretar un tema con letra en galego (no caso de ser cantado) ou ben un tema instrumental de orixe tradicional galego. E finalmente o día de presentación e concurso de tódolos grupos será este venres 21 de maio ás dúas últimas horas da mañá e entre os premios haberá vales para material tecnolóxico, libros e algún que outro detalle máis. Entre os membros do xurado membros do Departamento de Música, do Equipo de Normalización Lingüística un membro da ANPA

Estes son os valentes participantes: Zinc so!, Maestres de Altair, R.G., LAURA  Iglesias e MIRIAM López.

Nova visita a STS

Posted in - As nosas actividades, - Entradas antigas, por aí adiante on 14/05/2010 by musog

O pasado 5 de maio acudimos co alumnado de 4º de ESO ao estudo de gravación STS. O obxectivo da visita era coñecer de xeito práctico as posibilidades que lle ofrece a un músico un estudo de gravación. E por segundo ano consecutivo fomos acollidos con excepcional amabilidade e recibimos unha interesante charla por parte do responsable do estudo, Abel.
Mágoa de cámara de fotos, que esta vez se nos esqueceu! No seu lugar, unha foto “virtual”: tratade de imaxinar a ducia e media de
alumn@s e aos seus profesores sentados polo chan e atentos ás evolucións de Abel no momento de crear música orquestral ou coral servíndose tan só dun teclado (non sei moi ben que pensar disto dos instrumentos virtuais!); ou ben ensaiando coas posibilidades de transformación do fragmento de canción “a capella” que, nun alarde de valentía, se atreveu a interpretar Igor.
Unha vez máis gracias a Abel e Gema, os responsables de STS (aquí vos deixo unha
ligazón), por se brindar tan xenerosamente a acollernos e darnos toda clase de explicacións sobre o seu traballo. E ata outra ocasión…!