Archive for the – Música en Lugo Category

Este sábado, BANDA!

Posted in - De todo un pouco, - Música en Lugo on 11/03/2014 by musog
banda2.
(Quizá del gót. bandwō, signo, bandera).
 1. f. Grupo de gente armada.
2. f. Parcialidad o número de gente que favorece y sigue el partido de alguien.
3. f. Bandada, manada.
4. f. Pandilla juvenil con tendencia al comportamiento agresivo.
5. f. Lado de algunas cosas. De la banda de acá del río de la banda de allá del monte.
6. f. Conjunto de tambores y cornetas, o de músicos que pertenecen a institutos armados de a pie, o de trompetas que sirven en cuerpos montados del Ejército. A veces la banda comprende toda clase de instrumentos de viento.

7. f. Conjunto de instrumentistas, con o sin cantantes, que interpreta alguna forma de música popular.
8. f. Mar. Costado de la nave.
 9. f. Cuba. Cada una de las dos partes en que se divide longitudinalmente el cuerpo de una res al ser sacrificada.
10. f. ant. costado      (‖ del cuerpo humano).
11. f. pl. Impr. Carriles de hierro sobre los cuales va y viene el carro o la platina en algunas máquinas de imprimir.

Hai que ver a de acepcións que ten esta 2ª entrada do término BANDA no diccionario da RAE.
Se vos parece ímonos quedar coa número 6 na súa segunda parte, para vos invitar a un concerto: o que a Banda Filarmónica de Lugo celebrará o vindeiro sábado, 15 de marzo, ás oito da tarde no Círculo das Artes.

Creo que hai varias razón polas que vos pode gustar acudir a este concerto:

1ª.- Porque é un proxecto de moi recente creación (este é de feito o segundo concerto da agrupación) que como tal paga a pena coñecer e apoiar.
2ª.- Porque é una agrupación integrada na súa inmensa mayoría por xente nova da nosa cidade.
3ª.- Porque un bo número dos seus compoñentes son (ou foron moi recentemente) alumnos e alumnas deste instituto, e polo tanto compañeiros ou ex-compañeiros vosos.
4ª.- E sobre todo porque como alumnado “musical” que sodes é de suponer que estades atentos e interesados por este tipo de propostas culturais e musicais.

Se queredes saber algo máis sobre este proxecto premede aquí.

Festival de Butoh e danza experimental.

Posted in - Música en Lugo on 18/11/2013 by musog

 Esta semana comeza en Lugo un festival de danza moi interesante: KOJOTEKI, festival de butoh e danza experimental. Está orgnizado pola asociación “3monos” e trae a Lugo actuacións moi interesantes e ademais gratuitas!

 Quizais conviría explicar que é o butoh, verdade? Pois é un tipo de danza que naceu en Xapón tralo ataque nuclear da II Guerra Mundial que arrasou coa vida e as esperanzas de tantos millóns de persoas; o butoh trataba de representar esa cruel realidade da posguerra. Cando menos é unha danza moi diferente ó que seguro tedes visto ata agora. Déixovos o programa para que curioseedes.

 Anímovos a que vos acheguedes algún día, seguro aprenderemos e sentiremos algo novo.

programa-cartel2

Música no San Froilán, e de balde!

Posted in - Música en Lugo on 29/09/2013 by musog

Xa está aquí o San Froilán e iso significa que ademais de mareas de xente, centos de postos legais e “ilegais”, ruidosas maquinarias de luces e son e casetas do pulpo, ademais de todo iso teremos música tódolos días e para tódolos gustos. E o mellor de todo, neste momento no que todo é moito máis caro e a cultura incomprensiblemente tamén, a maioría dos espectáculos musicais serán gratuitos!

Así que non hai escapatoria nin escusas posibles para vós. É un bo momento para botar un par de orellas á rúa e descubrir cousas novas, como por exemplo este concerto que terá lugar o primeiro día de festexos, o día 4 ás 21.30 da noitiña na praza do Seminario: Les Tambours du Bronx.

les-tambours-du-bronx

Un grupo de percusión francés moi urbano e industrial, que manexan unha mestura de estilos como rock, sonido afrobeat, drum’n’bass, world music… aderezados con polifonías vocais feitas polos propios percusionistas. O seu nome responde á orixe deste tipo de músicas, que ten lugar en moitos barrios das periferias das grandes cidades.

Aquí vos deixo unha mostra para ir abrindo boca e comezar a babear (con perdón).

Música que nos toca(n) de cerca

Posted in - Música en Lugo on 21/12/2012 by musog

Quixera facerme eco de dous acontecementos musicais dos que poderemos disfrutar próximamente na nosa cidade, e que por unha banda amosan a ilusión e as ganas de traballo de moita xente (veciños nosos os máis deles) que malia ás dificultades cara vez maiores queren facer música e amosárnola. E que ademais nestes dous casos teñen certa relación co noso instituto.
O primeiro deles é a representación da zarzuela “La Verbena de la Paloma”, que se estreou en Xove o pasado día 15 e que teremos ocasión de ver de novo o sábado 12 de xaneiro en Vilalba e o domingo 13 ás 19:00 horas no Auditorio Gustavo Freire en Lugo.
Non creo que se vos escape o tremendo esforzo que supón a montaxe dunha obra destas características, que require a colaboración e traballo de moitas persoas (orquesta, coro, bailaríns, solistas, dirección escénica, artística e musical, coreografía…). En fin, un traballo enorme feito por moitas persoas próximas a nós e organizado polo Centro de Música de Fingoi, que creo que merecía da nosa atención.
A relación co instituto? Un dos actores, Javier Rodríguez, profesor de Historia deste centro ata o curso pasado (a quen aproveitamos para enviar un saúdo e a nosa noraboa).
O segundo evento ao que me refería é un concerto que terá lugar o sábado 22 de xaneiro no Círculo das Artes, ás 20:00. É un concerto de carácter benéfico, a prol do Banco de Alimentos de Lugo. Se asistides podedes deixar a vosa achega económica ou ben en forma de alimentos. Como no caso anterior a orquestra está integrada na súa maior parte por músicos da nosa cidade ou vencellados con ela. E a solista, Cristina Nogueira, foi tamén alumna deste instituto.
Por certo, o programa: Sonata para Violoncello e Piano op 36 en La m de Grieg, e Concerto para Violoncello e Orquesta de Ventos de F. Gulda.

Festival de Jazz de Lugo.

Posted in - Música en Lugo on 08/11/2012 by musog

Un ano máis temos o pracer de disfrutar do jazz na nosa cidade. Este ano con outro cartel de luxo dende o sábado 10 de novembro ata o seguinte sábado, 17 de novembro.

Para algúns dos concertos tedes que adquirir entradas nunha carpa instalada na Praza de España dende as 12 da mañá deste sábado día 10, ou tamén no clube de música “Clavicembalo”. Consultando o programa aquí podedes ver que concertos requiren entrada e cales non. 

Este ano veñen entre outros o saxofonista Bill Evans ou o trompetista Wallace Roney, ámbolos dous chegaron a formar parte do grupo de Miles Davis na súa xuventude, algo que aporta ó seu currículum un dato imbatible. Pero non só figuras internacionais senón tamén algunha máis local como o guitarrista galego Martín Blanes, un grande virtuoso que camiña entre múltiples estilos e influencias e a quen teño o gusto de coñecer. Déixovos aquí un vídeo para que “alucinedes” un pouquiño.

Animádevos a botar un ollo, unha orella (ou as dúas, mellor) ou o que haxa que botar. Paga a pena cando músicas de tanta calidade chegan tan preto de nós.

Festival de música en Lugo e posta ó día.

Posted in - Música en Lugo on 25/05/2012 by musog

Comezamos cunha invitación a un festival con 40 anos de historia en Lugo, o Festival de Música Cidade de Lugo, un referente cultural da cidade. Dende o 26 de maio ó 8 de xuño.

Animámosvos a que asistades a algún concertiño, son gratuítos! E hai unha programación boísima, podedes botarlle un ollo á programación se clicades nesta imaxe da esquerda.

E máis cousas. Esta semana gravamos as pezas que forman parte do proxecto Comenius de Ciencias, “A auga, música da vida”. Fomos ó estudio de gravación de Arturo Vaquero en Abrigueiro e disfrutamos dunha xornada marabillosa, lucía o sol pero tamén a inspiración, os músicos estiveron xeniais e, como non, os que fixeron de acompañantes imprescindibles e que se encargaron das imaxes para o recordo. Graciñas! Esperamos presentarvos algo do feito un destes días, desculpade se tardamos pero esta é unha época axetreada.

Axetreada en diferentes sentidos, un deles de reivindicación: con motivo dos recortes que estamos a sufrir en educación e noutros ámbitos como a sanidade, decidimos varios profes facer un acto de protesta os venres, é o noso “Venres Reivindicativo”; saímos á rúa para ler un pequeno manifesto sobre o noso pensamento, acompañámolo cun textiño alusivo e finalmente pechamos cunha canción protesta coñecida. Cada venres cantaremos unha diferente, o primeiro día foi “Blowing in the wind” de Bob Dylan e hoxe tocoulle a “Ni chicha ni limoná“, de Víctor Jara. O próximo día tócalle a “O que faz falta”, de Zeca Afonso.

O dito, a cantar e seguimos en contacto!

De jazz, fotos, festivais e partituras non convencionais…

Posted in - Música en Lugo on 13/11/2011 by musog

Non sei se as normas de corrección blogueira permitirían un título tan longo. E tampouco sei se se pode “cociñar” un artigo minimamente comprensible con tantos ingredientes. Malia todo ímolo intentar.
O do jazz, en Lugo e por esta época resulta previsible. Así que como lectores avispados que vos considero xa imaxinariades que vén a conto para vos invitar a asistir ao XXI Festival de Jazz de Lugo, que se está a celebrar entre os días 12 e 19 deste mes. Nunha época como a actual pouco propensa a alegrías é moi de agradecer que se manteñan propostas musicais como esta que entre outros moitos artistas nos trae a Roy Haynes, unha auténtica lenda viva do jazz. Para saber máis sobre el e sobre tódolos que con el forman o cartel do Festival aí vos queda esta ligazón.

Din que un bo prato de comida ten que entrar primeiro polos ollos. Non sei se coa música pasa o mesmo pero si creo que un dos xéneros máis visuais, máis plásticos e que mellor se levan coa fotografía é precisamente o jazz. Así que se alguén precisa dun aperitivo visual que o anime a seguir a nosa primeira recomendación suxerimos a seguinte páxina, onde atopará fotos realmente fermosas. Se vos fixades ben case se pode escoitar a música que sae das fotografías.

E precisamente ollando algunha destas fotos atopei unha que me lembrou ao que hai poucos días falamos na clase de segundo da ESO: a posibilidade de representar a música dun xeito distinto ao tradicional: que tocariades vós se vos puxesen diante esta partitura?

Por se non estiven convincente vou dar un último motivo para acudir ao Festival: os que vaiades ao concerto do luns no Círculo (Marcos Pin Factor -E- Reset) poderedes ver tralo saxo a Toño, o profe que nos estivo a acompañar nalgunhas clases desta semana e a quen o propio programa menciona como “un dos nomes máis singulares do jazz galego actual”.

Bo proveito!