III. PROXECTO INTERDISCIPLINAR 1º ESO

MÚSICA NO CAMIÑO

 Comecemos por unha benvida a tódolos alumnos e alumnas de 1º de ESO nesta vosa primeira toma de contacto co departamento de música. Que saibades que vos agardamos a partires do vindeiro curso!

O obxectivo desta entrada non é máis que tratar de orientarvos nese interesante traballo que estades a facer sobre o Camiño de Santiago, ofrecéndovos algunha pista sobre o papel da música en relación con el. Así que faremos unha breve introducción de carácter moi xeral, para pasar de seguido a ofrecervos unha serie de enlaces onde podedes ampliar esta información. E por suposto os profesores do departamento de música estamos á vosa disposición para responder persoalmente ás vosas dúbidas.

Algunhas ideas previas poden axudar a situarnos:

– QUE FUNCIÓN TIÑA A MÚSICA NO CAMIÑO?

Unha primeira función dos cantos nas peregrinacións medievais é informativa: a meirande parte da información de interese para os peregrinos circulaba a través de cancións. Tede en conta que pouca xente sabía ler, así que unha guía de viaxes como as actuais non tería moito éxito. As informacións que nós atopariamos nela (consellos útiles para o camiño, descrición de itinerarios, advertencias sobre perigos varios…) memorizábase; e para axudar a lembrar un texto, nada mellor que lle pór música.

Unha segunda función da música é a de “envolver” unha mensaxe relixiosa. Nese caso a música serve para estender as ensinanzas cristiáns, e para fortalecer a fe e a relixiosidade dos peregrinos, e axudalos no duro esforzo ao que se enfrontaban. Tede en conta que antes (como tamén agora) a xente facía o Camiño por moi diversas razóns; pero a razón relixiosa seguramente estaba moito máis presente en épocas pasadas que na actualidade.

En terceiro lugar a música ten outra función, non menos importante que as dúas anteriores: a función lúdica, a de divertir aos romeiros e facerlles máis ledo e doado o seu duro camiñar. A este fin responden cancións coma a seguinte, de sentido humorístico e no que se parodian as milagres do Apóstolo:

“Cando voltaba de Compostela
o coxo bailaba sobre unha corda
e o tolleito abaneaba nun trapecio.
Oh, grande Santiago, cóidame!

Cando volvía de Compostela
o home que nunca tivo fillos,
por pouco que tardara en regresar
atopábase á volta con dous.
Oh, grande Santiago, cóidame!

Voltaban de Compostela
un xordo e un mudo;
o mudo latricaba coma unha pega,
polo que o xordo pregaba:
Oh grande Santiago,
tapa de novo os meus ouvidos!

 

 QUE MÚSICA CHEGA ATE NÓS?

Deberiamos distinguir dous grandes bloques:

– Por unha banda estarían as cancións que atopamos en fontes escritas. Poden ser pezas que se escribiron para acompañar as cerimonias relixiosas en igrexas ou mosteiros no Camiño. En Galicia temos unha obra importantísima, o “Codex Calixtinus” ou Códice Calixtino, do século XII. Nela, entre outras cousas (relatos de milagres de Santiago ou unha Guía de peregrinacións) atopamos música para ser interpretada na Catedral de Santiago. Parte desta música era música con unha soa melodía; pero algunhas pezas eran especialmente modernas para a súa época, porque estaban escritas “a dúas voces”, é dicir, que eran composicións polifónicas. E mesmo aparece unha composición a tres voces!, algo verdadeiramente excepcional, xa que é a primeira vez que tal cousa aparece por escrito en todo o mundo.
Música deste estilo e con similar función podémola atopar en varios mosteiros e abadías, dentro e fóra de España. Como exemplos podemos citar a Abadía de Cluny ou o Mosteiro de Montserrat, outro importante centro de peregrinación e onde se atopou o Llibre Vermell, texto do século XIV no que a música ocupa tamén un lugar moi importante.

– Fronte a esta música posta por escrito e á que poderiamos chamar “culta” estarían as cancións transmitidas ao longo do tempo de xeito oral. Son cantos moi variados, con esquemas diferentes (coplas, romances…) e tamén con textos en linguas diversas. As que conservamos foron postas por escrito, a partires desta tradición oral, en datas moi posteriores ás da súa orixe.

 

Os seguintes son ENLACES interesantes que podedes consultar se queredes afondar un pouco neste tema:

http://raices.xacobeo.es/gl/disco-recompilatorio
(Ademais de información xeral presenta un disco recompilatorio e unha serie de concertos baixo o epígrafe de música do Camiño. Trátase de grupos e artistas galegos vencellados coa música tradicional.)

http://www.fe.ccoo.es/andalucia/docu/p5sd6065.pdf
(Neste enlace podedes atopar imaxes relacionadas con partituras presentes ao longo do Camiño, instrumentos musicais, órganos en igrexas…).

http://www.auditoriodegalicia.org/medi/didactico/Unidades_Didacticas_Musicais/Unidades_didacticas_de_tempadas_anteriores/Guia_Musica_Camino.pdf
(Enlace a un artigo amplo e con información moi completa. Tratábase de información destinada a preparar un concerto didáctico do Auditorio de Galicia; pero se tedes a paciencia de lelo atoparedes textos de cantigas, partituras, fotos de instrumentos, análises dos instrumentos do Pórtico da Gloria, etc.).

http://www.madrid.org/artesacro/2010/espacios/caminodesantiago.html
(Aquí atoparedes un resumo das Cantigas de Santa María, de Alfonso X, relacionadas coa peregrinación a Santiago).

http://peregrinos.wordpress.com/info/datos-u/canciones-jacobeas/
(Aparece aquí o texto, traducido e comentado, dunha das máis célebres composicións xacobeas).

 

E para rematar, algún exemplo de TEXTOS que poden resultar do voso interese. Unha busca en internet ou na Biblioteca permitiravos atopar material semellante sen demasiada dificultade.

 

ROMANCE DE DON GAIFEROS
I onde vai aquil romeiro,
meu romeiro a donde irá,
camiño de Compostela,
non sei se alí chegará.

Os pés leva cheos de sangue,
xa non pode máis andar,
malpocado, probe vello,
non sei se alí chegará.

Ten longas e brancas barbas,
ollos de doce mirar,
ollos gazos leonados,
verdes como a auga do mar.

-I onde ides meu romeiro,

onde queredes chegar?
Camiño de Compostela
donde teño o meu fogar.

-Compostela é miña terra,
deixeina sete anos hai,
relucinte en sete soles,
brilante como un altar.

-Cóllase a min meu velliño,
vamos xuntos camiñar,
eu son trobeiro das trobas
da Virxe de Bonaval.

-I eu chámome don Gaiferos,
Gaiferos de Mormaltán,
se agora non teño forzas,
meu Santiago mas dará.

Chegaron a Compostela,
e foron á Catedral,
Ai, desta maneira falou
Gaiferos de Mormaltán:

-Gracias meu señor Santiago,
aos vosos pés me tes xa,
si queres tirarme a vida,
pódesma señor tirar,
porque morrerei contento
nesta santa Catedral.

E o vello das brancas barbas
caíu tendido no chan.
Pechou os seus ollos verdes,
verdes como a auga do mar.
O bispo que esto oíu, a
lí o mandou enterrar E
así morreu señores,
Gaiferos de Mormaltán.

Iste é un dos moito miragres
que Santiago Apóstol fai.

 

SANTO CRISTO DE FISTERRA

“Santo Cristo de Fisterra
santo da barba dourada
veño de tan lonxe terra
santo por che ver a cara”

 

CANDO VOU POR COSTA ABAIXO

“Cando vou por costa abaixo
O mesmo vento me leva;
Cando vou costa pra arriba
Nin o vento nin as pernas”

 

 

Por último, podedes tratar de atopar algún disco sobre este tema. Só a título de exemplo:

“Música para el Camino” (Coro Monteverdi, dirigido por sir John Elliot Gardiner).
“La música en el Camino de Santiago” (Grupo universitario de cámara de Santiago de Compostela).
“Por que trobar é cousa en que iaz” (Grupo Martín Códax).
“Herru Sanctiagu”.

Máis nada. Agardamos que estas pistas vos axuden no voso particular camiño cara o coñecemento do Camiño de Santiago. E en todo caso se tedes dúbidas sabede que estamos á vosa disposición.

Ata pronto!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: